A ciberseguridade, un factor estratéxico na dixitalización da túa empresa
R
2020-07-21
3 min
Estes tempos de pandemia son, sen dúbida, unha grande oportunidade para esa transformación dixital que moitas empresas xa comezarades e que agora se puxo a proba de forma intensiva. Nos últimos meses vimos como o tráfico a través das redes IP creceu case un 40% e o uso do móbil practicamente duplicouse.
De súpeto vímonos levando a oficina a casa para poder continuar coa nosa actividade e descubrindo ferramentas colaborativas como Teams ou Skype. E entre as présas e o descoñecemento, en ocasións podemos converter a nosa empresa en obxectivo fácil para a ciberdelincuencia.
Medidas como o cifrado de comunicacións; utilizar as ferramentas adecuadas; usar contrasinais e correos electrónicos seguros; sistemas operativos actualizados ou realizar sempre copias de seguridade pódennos axudar a manter a nosa empresa segura fronte a uns ciberataques que tamén se incrementaron nos últimos tempos, coincidindo co aumento do número de persoas que traballan dende fóra da oficina.
Para analizar esta situación, en R organizamos recentemente un webinar para analizar os principais tipos de ciberataques que se están producindo a día de hoxe e que medidas e recomendacións podemos adoptar para manter unha contorna de traballo segura.
VIDEO
Cales son os tipos de ciberataques máis habituais na actualidade?
Phising: o obxectivo é conseguir e/ou acceder á túa información sen que sexas consciente e suplantar a túa identidade , facendo uso para iso de correos electrónicos de recoñecidas organizacións, instando o usuario a reingresar algún tipo de información ou utilizando mensaxes que inclúen ligazóns maliciosas para facerse co control do teu equipo.
Ramsonware: é o secuestro virtual de información privada ou confidencial do teu dispositivo por parte dun terceiro. Pode ser encriptado, de bloqueo de pantalla, Master Boot Record , encriptador de servizos web ou a través de dispositivos móbiles; en calquera caso, se sofres este ataque, a única forma de recuperar os teus datos é pagar a cantidade de diñeiro que che pidan, aínda que o noso consello é non pagar nunca, e realizar copias de seguridade de toda a información de valor de que dispoñas.
Ataques á cadea de subministracións : búscase atacar o elemento máis débil da rede de distribución para acceder a unha empresa, provocando perda de información, danos á reputación ou mesmo carrexar sancións por GDPR (Regulamento Xeral de Protección de Datos).
Todos eles prodúcense nun contexto no que o teletraballo se erixiu como unha peza fundamental da actividade económica durante a crise e que está chamado a incrementarse e asentarse definitivamente no mercado laboral. Aínda que xa existía un acordo europeo sobre teletraballo asinado en 2002, parece que é agora cando se asentou definitivamente en empresas e traballadores e é, polo tanto, o momento de expor unha estratexia de teletraballo que responda as necesidades do negocio e que sobre todo sexa seguro.
Para implantar esta estratexia, debemos asumir unha serie de medidas organizativas : concienciar e sensibilizar os traballadores, definir unha política de seguridade e comunicala, realizar inventario de arquivos, establecer políticas de control de acceso (roles) e procedementos de xestión de contrasinais, altas, baixas e modificacións, sempre dentro do marco normativo de aplicación vixente, e outras de índole máis técnica: contar con sistemas de back-up e comprobación periódica, actualización de sistemas e aplicacións, dispoñibilidade dun directorio único, ferramentas de compartición de documentos, segmentación e ‘securización’ de redes, revisión periódica do acceso aos sistemas e monitoraxe das redes e recursos.
Pero se algo aprendemos durante a pandemia da covid-19 é que para poder realizar o teletraballo de forma segura existen unha serie de elementos fundamentais: dispoñer de firewall e equipos específicos, ‘securizar’ o posto de traballo, cifrar as conexións a través dunha solución VPN con dobre factor de autenticación e controlar o acceso remoto.
En suma, buscamos un modelo de seguridade, non só capaz de protexer a información da empresa no seu conxunto -tanto os postos coma os accesos e a rede- senón tamén ser capaces de responder en caso de posibles incidentes.
Xa que chegamos ata aquí e nos atopamos ante un proceso imparable que nos permitiu manter un mínimo de actividade durante a crise, é hora de tomarse en serio a ciberseguridade para que teletraballar sexa igual de seguro que se estivésemos na oficina.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas , subscríbete ao noso boletín ou contacta co noso equipo da área Comercial Empresas.
visualizacións: 218