CyberSec@GAL, primeiro foro galego sobre seguridade na empresa dixital, clausura como referente da ciberseguridade
admin
- 2019-10-22
3 min
Vimos de clausurar CyberSec@GAL, o primeiro foro que se celebra en Galicia sobre seguridade na empresa dixital. Atrás quedan catro intensas xornadas de obradoiros, ciber-retos e relatorios nos que participaron máis de 160 asistentes.
O encontro, impulsado pola cátedra R en Ciberseguridade
e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, conta
tamén coa colaboración da AMTEGA, Gradiant, Emetel, Hijos de Rivera,
Abanca e o COETG, e quere converter a Galicia en referente no campo da
ciberseguridade.
Se non puideches acompañarnos, non te preocupes, porque che contamos
agora todos os temas que se puxeron sobre a mesa nestas xornadas.
Xornada para as empresas
O ecosistema empresarial tivo a oportunidade de coñecer, da man de
expertos nacionais e internacionais, as claves para manter seguras/os
empresas e negocios na contorna dixital a día de hoxe.
Pero a xornada foi máis aló. Sobre Ciberseguridade na transformación dixital
versaron, nunha mesa de debate, as profesionais tecnólogas que fixeron
de voceiras de empresas e entidades como Balidea, Gradiant, Abanca,
Forensic & Security e Grupo Euskaltel. Estas recalcaron a
importancia de dixitalizar as empresas sen esquecer atender á
ciberseguridade, poñendo como exemplo a construción dunha casa sen
alicerces: estamos preparados para minimizar o impacto no negocio e
recuperarnos dos seus resultados ou teremos que pechar a empresa ante o
primeiro ´criptovirus´ recibido por correo electrónico?.
A ciberseguridade é, en suma, un reto que deben afrontar tamén as
pemes, como puxo de manifesto Eduardo Mastranza, socio executivo de
Gartner, na súa charla sobre a visión actual do mercado ante o tema da ciberseguridade.
As empresas, entidades de investigación públicas e privadas e
usuarios finais terán ocasión de financiar e analizar desenvolvementos
precomerciais a nivel europeo. Sobre estes proxectos colaborativos de apoio á innovación en ciberseguridade da Unión Europea
deu máis detalles Marina Martínez-García, Punto Nacional de Contacto
para o programa de Seguridade en Horizonte-2020 (Programa Marco de
Investigación e innovación da Unión Europea, dependente do Ministerio de
Ciencia).
Ademais, tivemos oportunidade de coñecer a Estratexia Nacional de Seguridade
da man de Mar López Gil, responsable da Unidade de Ciberseguridade e
Desinformación do Departamento de Seguridade Nacional da Presidencia do
Goberno, quen nos explicou como garantir o uso seguro e fiable do
ciberespazo, protexendo os dereitos e as liberdades dos cidadáns e
promovendo o progreso socio-económico.
IoT e sistemas operativos
Durante as 3 xornadas iniciais de CyberSec@GAL realizáronse obradoiros, lanzouse un ’ciber-reto’ e ofrecéronse relatorios para falar de solucións, normativas, desafíos e ameazas inherentes á seguridade na contorna dixital.
Os obradoiros xiraron arredor da introdución á auditoría dos dispositivos IoT/IIoT mediante Shodan e á análise de vulnerabilidades en contornas Windows e Linux.
No primeiro obradoiro profundouse na internet das Cousas, tanto na súa
variante doméstica (IoT) como industrial (IIoT), mentres que no segundo
efectuouse un test de intrusión, dende os primeiros pasos de estudo e
enumeración, ata a explotación e toma de control de equipos dos
devanditos sistemas operativos para detallar esas potenciais
vulnerabilidades.
O ‘ciber-reto’
Propúxose, ademais, o reto de Ciberseguridade de Gradiant e Hijos de
Rivera, desafíos que propuxeron desenvolver destrezas para resolver
problemas relacionados coa criptografía, a análise forense, o networking ou o reversing.
A AMTEGA e outras sedes das Universidades foron os espazos, conectados
por videoconferencia, onde se puxeron en marcha estes obradoiros e se
expuso o ‘ciber-reto’.
Premios
Durante a xornada de peche entregáronse, así mesmo, os Premios ao
Reto, á mellor Tese, aos mellores Traballos Fin de Grao, ao mellor
Traballo Fin de Máster e tres accésits dos Traballos Fin de Grao.
Podes consultar aquí todos os premiados e o programa completo que se desenvolveu estes días nas xornadas de CyberSec@GAL.
Cátedra R en Ciberseguridade
A cátedra R en Ciberseguridade,
desenvolvida en colaboración coas universidades de Vigo e da Coruña e
financiada pola Fundación Euskaltel Konekta, é a primeira cátedra
interuniversitaria en Galicia. Persegue promover o desenvolvemento de
competencias profesionais do alumnado universitario e mellorar a
capacitación dos membros da comunidade universitaria. A idea é adaptar
todo ese potencial de coñecemento e preparación ás necesidades da
empresa fomentando, en paralelo, a formación continua, a innovación e a
investigación na área da Ciberseguridade.
visualizacións: 199