A Semana das tendencias TIC analiza as novas tecnoloxías
R
2024-03-12
4 min
Que tendencias tecnolóxicas están a marcar a actualidade? Cales son os principais retos que vos atopades as empresas na vosa transformación dixital ?
Entre o 4 e o 8 de marzo, celebramos, xunto a expertos de empresas tecnolóxicas punteiras a nivel mundial, a 3ª edición da Semana das tendencias e infraestruturas TIC , unha maneira de achegarnos ás principais tendencias, o futuro e os retos do sector en plena era da dixitalización.
Especialistas de Fortinet, Aruba, Microsoft, Ozona e Commvault ofreceron a súa visión estratéxica do actual escenario tecnolóxico en sesións dixitais de 30 minutos ás que se podía acceder de maneira gratuíta en liña, previa inscrición, a través da plataforma Microsoft Teams.
Na nosa Semana das tendencias e infraestruturas TIC abordáronse temas como a ciberseguridade, a conectividade, a Intelixencia Artificial, o teletraballo e a seguridade dos datos na nube.
Fortinet: O futuro da seguridade da rede na nube
A primeira sesión da Semana das tendencias e infraestruturas TIC , o luns 4 de marzo , correu a cargo de Iñaki Quintanilla, enxeñeiro de sistemas de Fortinet .
Abordou a integración da seguridade do cloud co posto de traballo nunha contorna actual cun ecosistema “moi, moi, moi distribuído tanto de usuarios como de aplicacións”.
En concreto, falou de como estender a seguridade dende o perímetro cara á LAN/WLAN para ter visibilidade de todos os activos conectados e como aplicar mecanismos de protección avanzada cun sistema de detección e resposta a incidentes baseado en Machine Learning.
Así se consegue integrar seguridade, visibilidade e control da nube no posto de traballo e pódense simplificar as operacións, baixar os custos e mellorar tanto a experiencia de usuario/a como o rendemento das aplicacións, independentemente de como ou onde se conecten os/as diferentes usuarios/as da empresa.
VIDEO
Aruba: A Directiva NIS2 e a ciberseguridade
O martes 5 de marzo foi a quenda de Aruba , empresa líder en solucións Wireless LAN en contornas empresariais.
O enxeñeiro de sistemas Ángel de la Encarnación analizou presente e futuro da tecnoloxía da conectividade na empresa e como conseguir a axilidade e a resiliencia necesarias nos negocios para adoptar novas capacidades e procesos apoiados na tecnoloxía.
Ángel detívose especialmente na Directiva NIS2 , a máis recente lexislación en materia de ciberseguridade da UE. A partir da obrigatoriedade para os países de definir e identificar as que serían as súas empresas esenciais, Europa quere marcar unha ciberseguridade completa, dende que se fai un produto ata que se lle entrega ao público, e aí entran en escena as solucións “edge” de seguridade de Aruba, grazas ás cales cada empresa terá o seu propio nivel de seguridade, adaptado ás súas necesidades e tamaño.
VIDEO
Microsoft: IA xenerativa no posto de traballo
A Semana das tendencias e infraestruturas TIC continuou o mércores 6 de marzo co relatorio de Antonio Cruz, Senior Customer Success Manager de Microsoft .
Antonio abordou a incorporación da IA xenerativa ao posto de traballo e como as ferramentas de Microsoft fan dese posto flexible unha realidade para enfrontarse ás novas problemáticas xurdidas; por exemplo, a gran carga dixital que hai nas empresas ou o descoñecemento sobre como modificar e adaptar o uso das ferramentas.
Así, realizou un repaso aos retos e oportunidades que ofrece Microsoft 365 Copilot para as organizacións e os/as seus/súas responsables de Tecnoloxías da Información.
Na práctica, as empresas son máis produtivas, conseguen aumentar a calidade do traballo dada a alta capacidade de análise das ferramentas que utilizan IA e, ademais, conseguen que os/as empregados/as estean satisfeitos/as co seu uso, as vexan útiles e queiran seguir utilizándoas.
VIDEO
Ozona: Seguridade, dispoñibilidade e flexibilidade en tempos de teletraballo
O Chief Technology Office de Ozona , Marcos Paredes, foi o relator da xornada do xoves 7 de marzo .
Nos últimos tempos, todo o que era o perímetro de control dos departamentos de IT foise difuminando pola aparición das contornas de nube pública, nube híbrida e dispersión de aplicacións, pero tamén pola necesidade de teletraballo, puntual ou permanente.
Isto lévanos a modelos moito máis abertos e flexibles nos que se prioriza, por suposto, a produtividade e a experiencia de usuario/a. Pero non podemos esquecernos de establecer as políticas de control e de seguridade necesarias, máis aínda cando os ciberataques non deixan de medrar.
Ante este panorama, Ozona aposta por Desktop As a Service , unha solución que reforza a eficiencia e a seguridade da empresa e proporciona, á súa vez, un control do rendemento das aplicacións e do/a traballador/a.
VIDEO
Commvault: Datos vs Intelixencia Artificial
Juan Esquivel, Sales Engineer de Commvault, abordou o venres 8 de marzo a xestión do dato como activo estratéxico clave nas compañías agora sometido a ameazas maiores polo auxe do Machine Learning e a IA Xenerativa. Así que se fai necesario un novo enfoque que consolide, racionalice e lles permita aos CISO e ás Tecnoloxías da Información tomar a dianteira.
Commvault ofrece solucións tecnolóxicas de Intelixencia Artificial que brindan seguridade nativa dos datos na nube para combater os riscos e perigos derivados do propio uso da IA.
VIDEO
Ao longo destas cinco xornadas, na Semana das tendencias e infraestruturas TIC achegámonos ás tendencias tecnolóxicas máis disruptivas da actualidade. É a nosa maneira de axudarvos ás empresas galegas a analizar os retos derivados da dixitalización e a optimizar a vosa competitividade en calquera mercado a nivel mundial.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas , subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn .
visualizacións: 129