A Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial, en Galicia
R
2022-12-13
3 min
A Coruña acollerá a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA ) , un organismo pioneiro que consolida a Galicia como polo tecnolóxico e ábrelle a porta a unha infinidade de oportunidades empresariais vinculadas a un ámbito, o da Intelixencia Artificial (IA), determinante na transformación dixital dos nosos días.
Que é a AESIA ?
AESIA é a nova Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. Trátase dunha aposta novidosa pola innovación e a tecnoloxía. De feito, España convértese no primeiro país da Unión Europea en contar cunha axencia pública de supervisión da Intelixencia Artificial (IA).
Por que era necesaria a creación deste organismo? A idea é xerar un ecosistema e un polo de innovación e atracción de talento especializado en materia de intelixencia artificial ou supervisión dos sistemas. Así que un dos primeiros pasos era a elección dunha sede.
E finalmente esta futura Axencia contará cunha localización estratéxica no noroeste de España , na Coruña.
Cales son as funcións da AESIA ?
A futura Axencia converterase no centro neurálxico e motor do desenvolvemento en materia de Intelixencia Artificial, nexo de unión entre entidades públicas e privadas e entre rexións que nos sitúa ante un escenario con gran potencial, moi aberto a novas ideas e proxectos.
En termos xerais, as súas funcións serán:
Asesoramento a empresas e sector público para o desenvolvemento e uso da intelixencia artificial.
Establecemento e posta en marcha de proxectos piloto e espazos controlados de probas .
Definición, organización e xestión dun marco voluntario de certificación para empresas que permita ofrecer garantías sobre o deseño responsable de solucións dixitais.
Concienciación, divulgación e formación en relación co desenvolvemento e uso da intelixencia artificial ética e confiable. Este obxectivo complétase co denominado Nodo Galicia , un proxecto conxunto das tres universidades galegas para establecer un marco normativo adecuado para a IA.
Coordinación de actividades de observación do impacto social da intelixencia artificial.
Apoio ao desenvolvemento e uso de sistemas de intelixencia artificial enerxeticamente eficientes e sostibles .
Que supón a AESIA para Galicia?
A posta en marcha da AESIA supón un revulsivo económico e social para Galicia. De entrada, suporá un investimento público inicial de cinco millóns de euros e a súa creación implicará a xeración duns cen empregos directos .
A AESIA converte Galicia nun gran polo tecnolóxico de referencia que potenciará aínda máis a importancia dun sector que xa conta con gran dinamismo e actividade na nosa terra, pois actualmente somos a 5ª comunidade con maior número de firmas TIC e contamos con dous hubs de innovación dixital.
A axencia representa un grande incentivo para o emprendemento , a creación e o desenvolvemento de empresas vinculadas a unha das áreas chamada a ser determinante nunha sociedade cada día máis dixitalizada e automatizada.
Tamén supón un gran impulso para a investigación en materia de Intelixencia Artificial. Neste sentido, resulta clave a colaboración público-privada para o aproveitamento das múltiples posibilidades que xorden en Galicia coa AESIA e a posta en marcha de proxectos de carácter local, nacional e internacional . Ademais, o seu carácter pioneiro convértea nun modelo para outros países e iniciativas similares.
Neste sentido, hai que lembrar que a Unión Europea está a apostar forte pola Intelixencia Artificial e que, ademais, A Coruña forma parte da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal , o cal ábrelle a porta a unha maior cooperación transfronteiriza e permite a creación dun hub ibérico que reúna coñecementos e experiencia.
A atracción e retención de talento é outro dos grandes beneficios que deixa a AESIA. Incrementaranse, crearanse e diversificaranse as demandas de perfís profesionais vinculados á IA. Ademais, falamos de oportunidades laborais con alto nivel de especialización e con enormes posibilidades de futuro.
No ámbito formativo, precisamente este ano púxose en marcha na Universidade da Coruña o novo Grao en Intelixencia Artificial, unha fantástica oportunidade para a xeración de emprego especializado e cualificado que marque a diferenza.
Imaxe de: Turismo de Galicia
BAI Analytics, o noso equipo especializado en Intelixencia Artificial
En R levamos tempo apostando pola Intelixencia Artificial. Cremos que a IA pode axudarvos a conseguir procesos máis eficientes, a reducir riscos ou a mellorar a experiencia dos vosos clientes grazas ao uso das últimas ferramentas e á análise avanzada de datos.
Por iso contamos con BAI Analytics , un equipo especializado que cobre as necesidades comerciais, tecnolóxicas e científicas de Intelixencia Artificial nas vosas empresas.
Dende a nosa experiencia e coñecemento traballaremos conxuntamente con administracións públicas, universidades e empresas para lle tirar o máximo partido ás grandes posibilidades que supón a posta en marcha da AESIA en Galicia.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas baseadas en Intelixencia Artificial , subscríbete ao noso boletín ou contacta co noso equipo da área comercial empresas a través do teu asesor persoal ou seguinte formulário.
visualizacións: 352