Cidade das TIC, polo tecnolóxico de referencia para Galicia
R
2023-10-25
3 min
A Cidade das TIC vén de facerse realidade coa inauguración do seu Centro de Servicios Avanzados (CSA) . Arrinca así unha iniciativa estratéxica para crear en Galicia un polo TIC e de innovación dixital de referencia a nivel nacional e internacional e que conta coa infraestrutura de rede de R .
A Cidade das TIC nace impulsada polo desexo de contribuír á especialización de Galicia en tecnoloxías emerxentes. Ampáranos un sector TIC galego que non para de medrar e é un dos máis dinámicos en canto á súa evolución e perspectiva de futuro. En termos económicos, factura ao ano uns 2.643 millóns de euros.En datos de emprego, son máis de 2.700 as empresas do sector que lles dan traballo a máis de 18.100 persoas. E medrando. Só na Cidade das TIC prevese a creación de centos de empregos nos próximos anos.
Para consolidarnos como polo de referencia hai tamén que estimular e atraer tanto a emprendedores/as TIC como a grandes socios tecnolóxicos internacionais e consolidar tecidos empresariais conectados e competitivos que impulsen as TIC e a dixitalización galega.
E fai falta un lugar onde se aglutinen ideas e proxectos e se xere un ecosistema TIC dinámico e vangardista.
Ese espazo é a Cidade das TIC, situada na Coruña, nos terreos da antiga Fábrica de Armas.
A aposta de R por un proxecto nado da colaboración público-privada
A Cidade das TIC nace da colaboración público e privada entre administracións públicas e empresas TIC, capitaneadas pola Universidade da Coruña e o Clúster TIC Galicia. E R é unha desas empresas pioneiras que apoiou dende os seus inicios a idea de crear unha “Cidade das TICS”.
Convertido o proxecto en realidade, somos agora o seu principal provedor de telecomunicacións, fornecendo conectividade, servidores, equipos de datos, switching , infraestrutura de Intelixencia Artificial e servizos de datacenter .
Cremos que a Cidade das TIC é o lugar dotado con todas as ferramentas necesarias para pensar, investigar e crear produtos tecnolóxicos “made in Galicia” e un centro tecnolóxico deste nivel necesita unha rede potente que lle permita desenvolver todo o seu potencial.
Que é a Cidade das TIC?
Poñer en marcha un polo tecnolóxico innovador non é tarefa fácil. Porque son moitos os obxectivos e as liñas de actividade que ten por diante a Cidade das TIC.
• Ser un centro de innovación industrial no que se xeren infraestruturas de innovación e servizos TIC avanzados.
• Funcionar como parque empresarial para pequenas e grandes empresas TIC e, especialmente, como incubadora especializada en Intelixencia Artificial.
Hai que lembrar que A Coruña foi elixida tamén sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) , un organismo pioneiro que abre a porta a unha infinidade de oportunidades empresariais vinculadas a esta tecnoloxía, unha das máis disruptivas e activas a día de hoxe.
• Traballar como un campus tecnolóxico , con Centro de I+D incorporado.
• Converterse nun lugar para a formación e a divulgación do sector TIC.
A primeira pedra de todo este conglomerado de servizos e obxectivos represéntaa o Centro de Servicios Avanzados (CSA) , que ofrece novos servizos tecnolóxicos para empresas e que xa está inaugurado.
Centro de Servicios Avanzados (CSA)
O Centro de Servicios Avanzados converteuse no primeiro espazo que se pon en marcha na Cidade das TIC.
A inauguración contou coa presenza de autoridades e duns 350 profesionais do sector das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), o cal indica a relevancia e as expectativas xeradas ao redor da Cidade das TIC.
Neste Centro de Servicios Avazados (CSA) hai laboratorios avanzados adicados á Intelixencia Artificial, media e dispositivos intelixentes, showroom , espazos de coworking e 2.600 m2 de superficie no que poden aloxarse empresas TIC para desempeñar o seu traballo. Imatia , Cinfo , ITG , Xoia , Enxenio e Odeene xa contan cun lugar propio reservado.
O CSA pretende ser un punto de encontro entre clientes, universidade, centros de coñecemento, empresas e provedores de solucións TIC para a transformación dixital da industria.
Na práctica, poderá, por exemplo, facilitar, en modo de uso compartido, tecnoloxías TIC industriais (Mediatech , Intelixencia Artificial, Internet das cousas, sensores, BPMs, simuladores) ou executar tarefas temperás de definición (prototipado , demostración, análise de alto nivel) de proxectos de transformación dixital industrial antes da súa definición para o mercado.
A súa labor de divulgación de coñecementos TIC comezou o mesmo día da inauguración, coa celebración dun primeiro evento tecnolóxico titulado “Intelixencia Artificial e empresa”.
Nel participaron Alberto Pan e Daniel Lender , Chief Technology Officer e Chief Financial Officer , respectivamente, de Denodo; Zeltia Lado Lago , Directora Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta de Galicia; David Pereira , Head of Data & Intelligence de NTT DATA Europe & Latam; Ravin Dhalani Gonzalez , Chief Information Officer no Grupo MASMOVIL (ao que pertence R ) e Chema Alonso , Chief Digital Officer de Telefónica.
Un encontro no que se falou, entre outras cuestións, de tecnoloxías emerxentes como a Intelixencia Artificial e de estratexias de formación e investimento vinculadas ás TIC.
Con esta posta de longo comeza a andaina das Cidade das TIC , un proxecto ambicioso e innovador que sitúa a Galicia na vangarda tecnolóxica.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas , subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias séguenos en LinkedIn .
visualizacións: 292