Charlas TED: transforma a túa realidade
admin
2019-02-28
2 min
Hoxe estreamos unha nova serie de posts sobre charlas TED ou motivacionais nesta sección de empresas do blog de R .
Numerosos expertos en diferentes sectores contan nestas charlas como alcanzaron os obxectivos marcados na súa carreira profesional ou na súa vida persoal.
Nesta ocasión veremos como é posible darlle a volta a ese aspecto do teu traballo ou da túa vida diaria que non che gusta nada. Vas ver como o podes transformar se o empezas a mirar desde un punto de vista diferente.
A experiencia de Miriam Fernández
A madrileña Miriam Fernández ofreceu unha charla no evento TEDx Sevilla celebrado o pasado ano sobre como aceptou e xestiona no seu día a día o seu pequeno defecto.
Cando Miriam naceu foille diagnosticada unha parálise cerebral debido á falta de osíxeno no cerebro. A parte motora das pernas está afectada por unha mobilidade reducida que foi recuperando co paso dos anos e moitos exercicios.
O diagnóstico inicial que o equipo médico transmitiu aos seus pais foi que Miriam non ía poder camiñar nunca, que toda a súa vida ía estar nunha cadeira de rodas e, cando fose maior, podería arrastrarse polo chan se se axudaba cos cóbados.
Superación
Vinte e oito anos máis tarde Miriam camiña con axuda dun andador e desenvólvese dunha forma independente. Así que parece que a ciencia non acertou de todo esta vez. Seguramente porque non contaba co afán de superación de Miriam.
A madrileña considera que a base da súa melloría é a súa constancia, a forma diferente de ver a súa situación e a axuda da súa familia e profesionais como os seus fisioterapeutas.
Nunca te rendas
Cantas veces te desanimas ao ver como un proxecto falla ou non sae adiante? Cantas limitacións te atopas nalgunhas ocasións ao desenvolver o teu traballo ou ao facer fronte a algunhas situacións? Seguro que moitas e cando é así pensas en renderte. Pois debes evitar esa actitude da túa vida. E se non o ves claro, escoita a Miriam e os teus pensamentos e actitude cambiarán .
VIDEO
Cando non che guste a realidade que ves no teu traballo ou na túa vida persoal, cambia o prisma desde onde a miras e todo comezará a cambiar.
Se buscas outras formas para conseguir os teus obxectivos seguro que alcanzarás a meta, se cadra lévache máis tempo, pero alcanzarala .
Caer e levantarse
Non todo é de cor rosa nesta vida, seguramente caias varias veces antes de alcanzar os teus soños e te frustrarás. Pero como explica Miriam, “para avanzar na vida é fundamental levantarse cando te caes!”, así que xa sabes, segue traballando con esa actitude para conseguir os teus obxectivos. E non só no campo profesional, aplícao tamén á túa vida persoal.
E non esquezas nunca facer as cousas co máximo agarimo e sempre cun sorriso, porque todo sairá mellor e contaxiará aos que están ao teu ao redor. E como di Miriam, “deixa que o teu sorriso cambie o mundo, pero non deixes que o mundo cambie o teu sorriso.”
Oxalá este post faga que te reformules algunhas cousas do teu día a día e valores máis o que tes actualmente e goces coa túa familia, amigos e compañeiros de traballo.
Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter , Facebook , Instagram e na nosa canle de Telegram .
Ata a próxima!
imaxe de unsplash.com/@mbrunacr
visualizacións: 285